sábado, 8 de outubro de 2016

ERASMUS PONTEAREAS -TUAM. Nota de prensa

Os medios de comunicación locais tamén se fixeron eco do noso encontro coas profesoras Irlandesas.




ERASMUS PONTEAREAS -TUAM.
Dende o 22 ata o 25 de setembro os centros de ensino secundario do concello de Ponteareas reciben a visita de dúas profesoras irlandesas . O motivo é a coordinación do proxecto Erasmus+ "Endangered Languages, Cultural Diversity and Integration in the EU of the XXI Century" que se desenvolverá entre os institutos Pedra de Auga, Ponteareas e Val do Tea co centro Archbishop McHale College de Tuam (Galway, Irlanda).
O proxecto terá unha duración de tres anos e desenvolverá entre outros temas a situación actual do gaélico e do galego na súa relación co inglés e o castelán respectivamente. Ademáis deste tema central, trataranse diversos aspectos de interese común en diferentes materias, como son a historia, cultura e tradicións (Sociais), as diversas formas artísticas desde os petroglifos ata hoxe (Plástica), a contorna natural (Bioloxía), a promoción internacional dos nosos recursos (Economía), etc.
Os traballos dos alumnos ao redor destes temas serán postos en común mediante videoconferencias mensuais por Skype, que serán aloxadas, xunto con toda a información elaborada, nunha páxina web adicada ao proxecto.
No inicio de cada curso escolar, 15 alumnos de Irlanda virán a Ponteareas (5 para cada IES) para pasar unha semana entre os seus colegas, e hacia finais de cada curso serán 15 alumnas e alumnos ponteareáns os que viaxarán a Irlanda para unha estancia dunha semana convivindo coas familias e participando nas actividades lectivas do centro irlandés.
Un dos resultados deste proxecto será a realización dun programa anual de TV que será emitido pola TVG e a TG4 (canle irlandés) no que alumnado galego e irlandés promocionarán os aspectos máis salientables das súas respectivas vilas, usando as linguas galega e gaélica simultaneamente. Na produción destes videos colaborarán profesorado e alumnado do CEIP Feliciano Barrera de Guláns.
De xeito paralelo, o sábado 24 terá lugar unha reunión de traballo de profesorado das escolas galegas pertencentes ao Plan de Escolas Asociadas da UNESCO (PEA-UNESCO) con profesorado da Escola Artística Profissional Árvore de Porto (Portugal) para deseñar conxuntamente unha proposta de traballo para o Ano Internacional do Entendemento Global (IYGU) na que poderá participar calquera dos 10.000 centros educativos de todo o mundo pertencentes á Rede PEA-UNESCO.

Nesta fin de semana, xa que logo, Ponteareas será un lugar de encontro para a elaboración de proxectos educativos internacionais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario