mércores, 19 de outubro de 2016

Xornadas KA219 en Valencia


Os centros públicos do concello de Ponteareas participaron os días 10 e 11 de outubro nas III xornadas de formación inicial de proxectos de asociacións estratéxicas entre centros escolares (KA219) celebradas en Valencia e organizadas pola SEPIE dentro do marco Erasmus +.
Estas xornadas están inscritas dentro da formación necesaria para levar a cabo o proxecto concedido este curso aos tres centros de ensino medio de Ponteareas asociados co centro coordinador Archbishop McHale College de Tuam,CO. GalWay (Irlanda).
Os institutos Pedra de auga, Ponteareas e Val do Tea estiveron representados por tres profesoras que participaron en diversos obradoiros de formación nos cales se cubriron aspectos como a xestión do proxecto,as dinámicas de grupo ou as plataformas económicas e de resultados.
O proxecto entre Ponteareas e Tuam versa fundamentalmente sobre a situación de dúas linguas minoritarias , o galego e o irlandés ,así como a súa contextualización dentro da súa contorna inmediata.
Aspectos como a lingua, a música, as artes ou a historia entre outros serán tratados polo alumnado galego e irlandés ao longo dos tres anos de duración do proxecto.

sábado, 8 de outubro de 2016

ERASMUS PONTEAREAS -TUAM. Nota de prensa

Os medios de comunicación locais tamén se fixeron eco do noso encontro coas profesoras Irlandesas.




ERASMUS PONTEAREAS -TUAM.
Dende o 22 ata o 25 de setembro os centros de ensino secundario do concello de Ponteareas reciben a visita de dúas profesoras irlandesas . O motivo é a coordinación do proxecto Erasmus+ "Endangered Languages, Cultural Diversity and Integration in the EU of the XXI Century" que se desenvolverá entre os institutos Pedra de Auga, Ponteareas e Val do Tea co centro Archbishop McHale College de Tuam (Galway, Irlanda).
O proxecto terá unha duración de tres anos e desenvolverá entre outros temas a situación actual do gaélico e do galego na súa relación co inglés e o castelán respectivamente. Ademáis deste tema central, trataranse diversos aspectos de interese común en diferentes materias, como son a historia, cultura e tradicións (Sociais), as diversas formas artísticas desde os petroglifos ata hoxe (Plástica), a contorna natural (Bioloxía), a promoción internacional dos nosos recursos (Economía), etc.
Os traballos dos alumnos ao redor destes temas serán postos en común mediante videoconferencias mensuais por Skype, que serán aloxadas, xunto con toda a información elaborada, nunha páxina web adicada ao proxecto.
No inicio de cada curso escolar, 15 alumnos de Irlanda virán a Ponteareas (5 para cada IES) para pasar unha semana entre os seus colegas, e hacia finais de cada curso serán 15 alumnas e alumnos ponteareáns os que viaxarán a Irlanda para unha estancia dunha semana convivindo coas familias e participando nas actividades lectivas do centro irlandés.
Un dos resultados deste proxecto será a realización dun programa anual de TV que será emitido pola TVG e a TG4 (canle irlandés) no que alumnado galego e irlandés promocionarán os aspectos máis salientables das súas respectivas vilas, usando as linguas galega e gaélica simultaneamente. Na produción destes videos colaborarán profesorado e alumnado do CEIP Feliciano Barrera de Guláns.
De xeito paralelo, o sábado 24 terá lugar unha reunión de traballo de profesorado das escolas galegas pertencentes ao Plan de Escolas Asociadas da UNESCO (PEA-UNESCO) con profesorado da Escola Artística Profissional Árvore de Porto (Portugal) para deseñar conxuntamente unha proposta de traballo para o Ano Internacional do Entendemento Global (IYGU) na que poderá participar calquera dos 10.000 centros educativos de todo o mundo pertencentes á Rede PEA-UNESCO.

Nesta fin de semana, xa que logo, Ponteareas será un lugar de encontro para a elaboración de proxectos educativos internacionais.

Primeiro encontro Tuam - Ponteareas

Os pasados 22,23 e 24 de Setembro as profesoras Anne  e Kate viaxaron a Ponteareas para asistir ao primeiro encontro do noso proxecto.
As reunións tiveron lugar no IES Ponteareas e nas sede Social do Concello de Ponteareas, no cal fomos recibidos polo Sr Alcalde de Ponteareas D. Xosé Represas e a Concelleira de Cultura Dona Cristina Fernández.
As xornadas de traballo tiñan por obxecto intercambiar información sobre  os nosos Centros e sobre as persoas e departamentos implicados no proxecto.  
Tamén se estableceron as liñas  a seguir nesta primeira etapa, actividades e temas a tratar e comunicacións por SKYPE.
A base do noso proxecto e un dos puntos fortes é a comunicación entre os alumnos e alumnas nas linguas de estudio. Para contribuír a isto programouse  unha viaxe dos alumnos irlandeses a Ponteareas a principio de curso e outra viaxe en Maio dos alumnos Ponteareáns a Tuam ( Irlanda).
A viaxe dos alumn@s irlandeses está programada para do 13 ao 20 de Outubro de 2016, polo que nunha gran parte das sesións tratouse de cómo organizar a recepción dos alumn@s , que actividades culturais propoñerlles e como seleccionar as familias acolledoras.
Outra parte moi importante do noso proxecto é o intercambio cultural entre os dous países, de gran similitude pero con características individuais. Co fin de que as profesoras tivesen unha pequena idea da situación xeográfica, social e cultural da vila de Ponteareas e arredores programáronse tamén distintas visitas: Penedos, Troña, Mondariz , Vilasobroso, Rio  Miño and Portugal (Monçao, Valença, e Tui), Vigo e a Praia de Samil.

O encontro foi moi satisfactorio e frutífero xa que senta as bases da nosa futura colaboración; sentímonos moi ilusionad@s e che@s de enerxía para levar a cabo este ambicioso proxecto e estamos convencidos que será moi positivo para @s nos@s alumn@s e as súas familias, para os nosos centros e para os nosos países.